Wednesday 08 de May de 2024

Medio cento de persoas participaron na primeira visita teatralizada a Ponte Ledesma


 

A actividade, dunha hora e media de duración, percorre a historia das batallas napoleónicas na contorna da histórica ponte

Medio cento de persoas participaron esta mañá na primeira das dúas visitas teatralizadas a Ponte Ledesma. A iniciativa, desenvolvida de xeito conxunto polos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, rexistrou grande éxito entre o público.

O punto de encontro foi o Campo da Feira. Alí aparecen o capitán do exército de Trasdeza, encarnado polo actor Suso Martínez, e un oficial napoleónico, representado por Benito Martínez. Ambos os dous levaron ás persoas asistentes nunha viaxe ás batallas napoleónicas que se desenvolveron neste histórico enclave.

O percorrido realizouse polo Campo da Feira, a propia Ponte Ledesma e, finalmente, polas Illas de Gres. Dun xeito lúdico e didáctico, os dous actores explicaron como se librou aquela batalla en 1809 entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños ao mando de Benito Martínez. Unha loita coa que se logrou conter temporalmente o avance do exército francés grazas ao apoio da xente da zona que batallou armada con trabucos e apeiros de labranza.

Próxima visita, o 17 de marzo

As persoas interesadas en participar nestas visitas teatralizadas gratuítas aínda teñen a oportunidade de facelo. O seguinte pase será o vindeiro domingo 17 de marzo ás 12.00 horas. Para participar, deberán inscribirse ben no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a concellodeviladecruces@gmail.com). O período para inscribirse á actividade conclúe o venres 15 de marzo.